Friday 19 de April de 2024

A Xunta incrementou en máis deun 20% o investimento na mediación xudicial para a resolución pacífica de conflitos


― O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, mantivo hoxe un encontro co decano do Colexio de Avogados da Coruña, Augusto Pérez-Cepeda, logo de que a Administración autonómica asinara un convenio cos letrados para a reedición dun programa de mediación penal nos Xulgados da Coruña e nos partidos xudiciais limítrofes

― A Xunta leva investidos desde 2013 máis de 2,3M€ ao servizo de mediación xudicial, que destina neste exercicio 15.200 euros ao acordo co Colexio de Avogados da Coruña

― Máis dun terzo dos asuntos que os xulgados da área da Coruña derivaron a mediación acadaron un acordo

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, reuniuse hoxe co decano do Colexio de Avogados da Coruña, Augusto Pérez-Cepeda, logo de que a Xunta renovara a convenio do programa experimental de mediación penal que desde o ano 2017 se leva a cabo nos xulgados da Coruña e nos partidos xudiciais limítrofes, coa excepción do ano 2020 por mor da pandemia.

O investimento inicial para este convenio era de 12.000 euros, cantidade que este ano viuse incrementada nun 20%, ao ascender a achega da Administración autonómica ata os 15.200 euros.
A través deste acordo, foron derivados a mediación unha vintena de asuntos polos órganos xudiciais da Coruña e de Corcubión, maioritariamente por delitos de lesións, ameazas e coaccións, pero tamén por inxurias, calumnias, danos ou furtos, na maioría dos casos de carácter leve. A iniciativa conta coa decidida implicación de xuíces, fiscais, letrados da Administración da Xustiza e profesionais da avogacía da Coruña.

Máis dun terzo dos asuntos que os xulgados da área da Coruña derivaron a mediación acadaron un acordo, polo que o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, subliñou as vantaxes da mediación no proceso penal e a aposta da Xunta pola resolución pacífica dos conflitos mediante unha figura na que tanto a vítima como o presunto infractor interveñen de modo voluntario e que lle permite á primeira participar activamente na resolución do conflito e na reparación dos danos, mentres que o acusado ten a posibilidade de responsabilizarse do delito e de reparar a súa débeda coa vítima e coa sociedade.
Iniciativas mediadoras

A Xunta leva anos apostando pola mediación, ao entender que constitúe unha canle fundamental na resolución dos conflitos como mecanismo complementario ao proceso xudicial e que é unha peza clave na modernización da Xustiza e no achegamento da xustiza á cidadanía, por iso desde o ano 2013 levou a cabo unha serie de actuacións no ámbito da mediación xudicial nas que leva investido máis de 2,3 millóns de euros.

Desde o ano 2015 estableceuse un marco estable de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Consello Xeral do Poder Xudicial para o impulso, promoción e divulgación da mediación e doutras prácticas de resolución de conflitos, unha iniciativa que foi renovada recentemente.

Pero ademais, a mediación estendeuse ao ámbito de familia, ao mercantil e á seguridade viaria, e desde o ano 2016 permanece vixente un programa experimental de mediación no ámbito penal posto en marcha pola Xunta en colaboración co Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos da Universidade de Santiago, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio Fiscal e o Colexio de Avogados de Santiago.